Friday 26 de April de 2024

A Xunta de Galicia apostou nos últimos anos por incrementar as poboacións de mexillón de río para mellorar a calidade das augas fluviais galegas e as poboacións piscícolas


— Ángeles Vázquez recorda que este bivalvo é unha das especies máis ameazadas do planeta e Galicia, un dos seus últimos refuxios, acubilla á maior poboación ao sur de Europa

— Salienta que a Xunta e a Universidade de Santiago decidiron colaborar e traballar na investigación e visualización da importancia da Margaritifera margaritifera e asinaron un convenio por 85.000 euros que está vixente ata o 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, apostou por incrementar as poboacións de mexillón de río para mellorar a calidade das augas fluviais galegas e as poboacións piscícolas que habitan nas mesmas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o Centro ictioxénico do Veral, en Lugo, para coñecer os traballos de investigación que se están a facer sobre a Margaritifera margaritifera, onde recordou que se trata dunha das especies máis ameazadas do planeta e etiquetada como en perigo de extinción, tanto no catálogo galego como no estatal, e en perigo crítico para Europa.

Tal e como o describiu a conselleira, este bivalvo de auga doce “é a xoia descoñecida dos ríos galegos” e ten unha función como biofiltrador moi importante, extraendo da columna de auga algas, bacterias e partículas de materia orgánica. Nese sentido, o seu declive ten consecuencias directas para o sistema acuático.

A conselleira indicou que, “sendo Galicia un dos seus últimos refuxios” e onde se atopa o maior número de poboacións do sur de Europa, era necesario establecer mecanismos para reintroducir e mellorar a situación do mexillón de río, así como fomentar a sensibilización da sociedade galega con esta especie.

Por esta razón, a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela abriron vías de colaboración, para a elaboración de traballos de investigación que melloren o proceso de cultivo. Recordou que o pasado ano ambas entidades asinaron un convenio de colaboración por un importe de 85.000 euros que está vixente ata o ano 2023.

Indicou que as primeiras accións estaban pensadas para reforzar as poboacións da bacía do Ulla, onde se realizaron accións para mellorar o hábitat, pero agora –vendo as enriquecedoras sinerxías entre os técnicos e os xestores de ambas entidades- “xa se pon a mirada no resto dos ríos galegos”.